Wednesday 15 de May de 2024

A Xunta destina máis de 5.246.000 euros para obras de acondicionamento e mantemento dos centros educativos de infantil, primaria e secundaria da provincia da Coruña


O 98 por cento dos traballos previstos pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria para o ano 2016 están rematados ou en execución

O delegado territorial de Xunta de Galicia na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitou o Concello de Carral, onde foi recibido polo seu alcalde, José Luis Fernández Mouriño. Xuntos, e acompañados polo xefe territorial de Educación, Indalecio Cabana, visitaron o CEIP Vicente Otero Valcárcel, onde comprobaron as últimas actuacións levadas a cabo pola Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria.

No caso de Carral, a Xunta investiu 40.617 euros, destinados á dotación de baños interiores ás aulas de Educación Infantil. En total, a Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria destinou neste ano 5.246.000 euros a obras de mantemento mellora dos centros de Educación Infantil, Primaria e Secundaria da provincia da Coruña. En concreto, o orzamento para os colexios de Infantil e Primaria ascende a 3.886.000 euros, mentres que en centros de Secundaria a consellería inviste 1.360.000 euros. A día de hoxe, o 98 por cento destes traballos están xa rematados ou en fase de execución.

Na comarca da Coruña, ademais da actuación de Carral, destacan, entre outras, a reforma da fachada principal do CEIP Emilia Pardo Bazán da Coruña (máis de 43.000 euros), o peche da pista deportiva cuberta do CEIP San Pedro de Visma, tamén na Coruña (máis de 62.000 euros), a reforma da sala de caldeiras do CEIP de Tarrío, en Culleredo (máis de 47.000 euros), diversos traballos de impermeabilización e cobertura no CEIP Sofía Casanova (más de 70.000 euros), un comedor no CEIP Ramón María del Valle-Inclán de Oleiros (máis de 70.000 euros), ou a reparación do patio central do IES Isaac Díaz Pardo de Sada (preto de 62.000 euros).

Ovidio Rodeiro e José Luis Fernández Mouriño aproveitaron a ocasión para tratar outros asuntos que afectan ao concello carralés, como a inclusión nos orzamentos de 2017 dunha partida específica de preto de 270.000 euros para infraestruturas relacionadas co desenvolvemento e adaptación da agricultura e silvicultura.